Novas
-
A Xunta de Galicia vén de incorporar 19 novos centros ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, cuxo obxectivo é que o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. En total participarán nesta iniciativa este curso 188 centros de toda Galicia, 67 deles da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 19 da de Ourense e 85 da de Pontevedra. Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta convocatoria recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021.
-
Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial. Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que “a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino”.
-
“Galicia incorre anualmente nun coste por xerar titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (supondo que os estudantes rematan a súa formación en catro anos), cantidade que se amplía a 311 millóns (se a remata en sete)”. Esta cifra é unha das destacadas no informe Fuga de talento en Galicia. Mito ou realidade? realizado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo.
-
A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’, destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición. Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico que permitirá coñecer “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”.
-
O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, chamou a atención esta mañá sobre a innovación que se está a desenvolver desde os centros de ensino galegos, presentando como exemplo os proxectos maker dos 14 centros de primaria, secundaria e formación profesional que se presentan hoxe na xornada educativa da Maker Faire Galicia 2020. Un pequeno satélite, unha estación de baixo custo para o control da calidade da auga, ou o emprego da tecnoloxía ao servizo dunha educación máis inclusiva e segura nos tempos da covid-19, son algúns dos proxectos que se darán a coñecer nesta xornada da Maker Faire Galicia 2020, que por vez primeira dedica todo un día ao ámbito educativo.
-
O 92,4% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,1% con respecto ao ano anterior. Isto supón que 34.400 vivendas da Comunidade se sumaron ao uso de internet no último ano. Sen embargo, o máis destacado deste aumento é que se produce nos concellos máis pequenos, onde ata o de agora a fenda dixital era máis acusada. Entre 2019 e 2020 a contratación de internet nos municipios de menos de 10.000 habitantes creceu un 8,7%, máis do dobre que a media de Galicia. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2020.
-
O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia. A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás. Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear a pandemia impiden que se desenvolva do xeito habitual.
-
Unha trintena de actividades celebrarán este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas da rede pública da Xunta, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e o 28 do vindeiro mes, é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica. Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística presentaron en rolda de prensa a programación de actividades. No acto, celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, participou tamén o autor do Manifesto do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas deste ano, o profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.
-
A elección do futuro profesional e das hipotéticas carreiras científicas da mocidade actual está influenciada en grande medida polos estereotipos sociais e polos prexuízos de xénero, segundo se desprende dos datos rexistrados na enquisa ‘A ciencia como profesión’, unha consulta lanzada polo grupo XuvenCiencia da USC co gallo da última edición celebración do Día Internacional da Muller e da Nena Ciencia e orientada a favorecer mecanismos e espazos para a reflexión e a coeducación na que participaron preto de 700 estudantes de ensino medio pertencentes a 31 centros educativos de Galicia.
-
Cun 70% da obra executada, o edificio Fontán da Cidade da Cultura, que será a sede de servizos transversais das tres universidades galegas, estará rematado na primavera de 2021. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ás obras xunto aos reitores das tres universidades galegas: Antonio López, de Santiago; Manuel Reigosa, de Vigo e Julio Abalde, de Coruña, na que tamén asegurou que o bo ritmo das obras está a permitir resolver o efecto que tivo nos traballos a suspensión da actividade durante o confinamento, así como as dificultades no subministro de materias que ocasionaron as restricións na mobilidade.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 43
- 44
- 45
- 46
- 47
- 48
- 49
- 50
- 51
- …
- seguinte ›
- última »