Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a activación este ano de distintas Ofertas de Emprego Público para ofertar máis de 4.300 prazas, das que 1.215 serán do eido sanitario, 1.491 pertencerán á Administración xeral e 1.604 á educación. Máis polo miúdo, Feijóo detallou que, no eido sanitario, aprobouse o decreto de convocatoria que volverá a esgotar a taxa máxima de reposición autorizada polo Estado (110%). 'Queremos emprego estable, diminuír a concatenación de contratos e dar un maior emprego con vocación de permanencia porque melloramos o servizo público, por tanto, nos gustaría sacar mais prazas, pero sacamos as que estamos habilitados para sacar', incidiu.
  • A Xunta de Galicia proporá modificar no curso 2021/2022 as datas dos exames de recuperación do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica ao mes de xuño. Así llo trasladará a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ás organizacións sindicais da mesa sectorial a próxima semana, un cambio no calendario escolar que é valorado positivamente por parte da Xunta Autonómica de Directores. Cómpre lembrar que en 2º de Bacharelato as probas extraordinarias xa se realizan nesas datas, por mor da ABAU, desde o curso 2018/2019.
  • O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reafirmou na Conferencia General de Política Universitaria que Galicia continuará sendo a Comunidade Autónoma cos prezos públicos medios de matrícula universitaria máis baixos de España. Galicia cumpre xa cos novos requerimentos que o Ministerio de Universidades propón para os prezos de matrícula dos máster habilitantes, en concreto establecer co horizonte do curso 2022/2023 un prezo máximo en referencia ao prezo de matrícula de grao. A nosa comunidade equiparou no ano 2018 os prezos de máster habilitante aos de grao e no 2020 equiparou as taxas dos máster non habilitantes.
  • Profundar no coñecemento da reprogramación metabólica das células tumorais é a base do novo descubrimento do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. O grupo liderado por Román Pérez Fernández, acaba de desvelar que a proteína POU1F1, a través da regulación de LDHA, é capaz de modificar o fenotipo das células cancerosas e favorecer a progresión tumoral e a metástase. O achado, que abre a porta a novas e esperanzadoras estratexias terapéuticas no cancro, acaba de publicarse na revista Oncogene.
  • O CDG pon á disposición dos centros educativos e da sociedade en xeral o recurso pedagóxico 'Das musas ao teatro. O espazo do espectáculo en Galicia', destinado a achegarlles aos máis novos a realidade da escena. Trátase dunha publicación dixital elaborada por Sheila García Prado e Ana García Seoane ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. O traballo inclúe un percorrido polos principais espazos teatrais de Galicia ─entre eles, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, a sede do CDG─ e afonda nos elementos que conflúen na posta en escena dunha peza dramática, como as personaxes, a luz ou a escenografía.
  • A Xunta prevé duplicar o número de alumnos de ESO que emprega libro dixital o próximo curso. Anunciouno hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación da nova convocatoria de E-Dixgal para o vindeiro ano académico, na que tomou tamén parte a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira. O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a principal novidade da convocatoria para o curso 2021/2022 é a extensión do proxecto aos cursos de 3 e 4º de ESO (ata o momento só se aplica a 5º e 6º de Primaria e a 1 e 2º de ESO).
  • A terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, da Xunta de Galicia, conclúe hoxe o reto coa lingua galega ao que se sumaron hai tres semanas máis de 3000 alumnas e alumnos de educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, que se comprometeron a falar só en galego durante as 24 horas do día nas 21 xornadas de duración que marca a iniciativa, tanto dentro coma fóra da contorna escolar. Dez centros de ensino, un deles por primeira vez de Primaria, pechan así unha ampla e intensa programación desenvolta durante máis de 500 horas.
  • Desde o 1 ata o 22 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso, para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, de Educación Primaria de ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles. As solicitudes de admisión poderán presentarse a partir do día 1, tanto de xeito telemático na aplicación 'AdmisionAlumnado' como de xeito presencial nos centros escolares que se elixan como primeira opción.
  • Comezarán o vindeiro 19 de xuño as probas das oposicións de Educación, uns exames que se prolongarán ata o 23 de xullo, se realizarán de xeito escalonado e en sedes descentralizadas para algunhas especialidades. Así o explicou esta mañá en declaracións aos medios de comunicación o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, antes do acto de recepción aos auxiliares de conversa que están a prestar servizo este curso no sistema educativo galego. O titular do departamento educativo da Xunta explicou que se inicia agora a rolda de contactos para abordar cos axentes implicados estas novidades, dirixidas a garantir a seguridade sanitaria no proceso de oposicións.
  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos, unha cifra que suporá o 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO. Con este obxectivo, Feijóo precisou que Consello autorizou hoxe dous contratos marco, que suman un importe máximo de 34 millóns de euros: un deles para adquirir ata 45.000 ultraportátiles para o alumnado e o outro para adquirir o equipamento necesario para a dotación doutras 2.000 aulas E-Dixgal.