Ir o contido principal
iniciar sesión

Notas

  • A obra Pater familias de Gael Uxío Proupín Cantelar foi recoñecida co primeiro premio na modalidade de temática aberta da oitava edición do Concurso Literario Mazarelos, cuxo acto de entrega se desenvolveu na tarde deste martes 15 na Facultade de Filoloxía. O segundo dos galardóns recaeu en Na beira do Leteo, de Jennifer Torres Mira, alén de outorgarse un accésit a Poesía a marteladas, de Marco Bravo Rodríguez.
  • O centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (1922-2009), compositor betanceiro que emigrou a Bos Aires e estudou en París, é a base da mostra que este martes 15 botou a andar no claustro alto do Colexio de Fonseca e que recolle diversas facetas da personalidade do autor. A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións.
  • A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC volverá abrir as súas portas o vindeiro sábado, 19 de novembro, a través da xornada ‘Ciencia Singular’ que, como cada ano, permitirá achegar á cidadanía a investigación punteira que se realiza nos centros da rede. Esta celebración fai partícipe á sociedade, por sexto ano consecutivo, para dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes.
  • O proxecto BIXO de UVigo SpaceLab segue a colleitar recoñecementos internacionais. Logo da súa selección en setembro pola Academia chinesa de tecnoloxía de vehículos de lanzamento para ser enviada ao espazo en 2024, o proxecto pasou a primeira ronda do programa Fly Your Satellite! Design Booster Pilot da Axencia Espacial Europea.
  • As novas violencias sexuais foron obxecto de análise nun foro este venres que profundou en cuestións como a submisión química ou as agresións dixitais. A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu esta xornada na que se deron cita preto dun cento de asistentes. A apertura do acto estivo presidida pola delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro.
  • Rolf-Dieter Heuer, director do CERN entre 2009 e 2015, será o protagonista da Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia. Nesta quinta edición, o físico alemán impartirá unha charla de divulgación sobre o bosón de Higgs, a partícula que supuxo un fito na historia da ciencia e acaparou a atención de todos os medios de comunicación e a sociedade hai agora unha década.
  • 'Un filme en tres actos que son tamén tres conversas entrelazadas e interxeracionais entre distintas mulleres que contan as súas experiencias de amizade, de medo, de resistencia, no espazo público'. Preséntase así 'Tódalas mulleres que coñezo', un documental da realizadora Xiana do Teixeiro que se proxectará o vindeiro luns na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo.
  • O salón de vistas da Facultade de Dereito da UDC acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o Congreso Internacional 'Aplicacións da Intelixencia Artificial na Xustiza Penal', organizado polo equipo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía xurídica e Xustiza penal no século XXI, Ecrim, en colaboración co Instituto de Direito Penal Económico e Europeu da Universidade de Coimbra (Portugal).
  • A Universidade de Vigo será a encargada de organizar e acoller entre os días 14 ao 16 de xuño do vindeiro ao o congreso EUNIS2023, European Universities and the digital transformation: Challenges and opportunities ahead. A European University Information Systems, EUNIS, é a organización europea de sistemas de información universitarios e o seu principal obxectivo é axudar ás institucións membros a desenvolver os seus sistemas informáticos, compartindo experiencias e traballando xuntos'.
  • O salón de actos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña acollerá este mércores a conferencia de Julián Salas, 'Construíndo con recursos escasos. Contra a fame de vivenda en África'. Julián Salas implementou tecnoloxías apropiadas e apropiables e desenvolvementos metodolóxicos para construír en lugares do sur global onde podería parecer imposible construír.