Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • A Xunta acordou esta tarde co ocio nocturno as medidas a adoptar durante o Nadal debido á covid. Os negocios poderán elixir entre abrir a fin de semana de Fin de Ano, entre o 30 de decembro e o 2 de xaneiro -ambos incluídos-, ou optar a unha liña de axudas con distintos tramos en función dos metros cadrados de cada local. Tanto nesta fin de semana de Fin de Ano como desde o 3 ata o 18 de xaneiro todos os locais do sector poderán abrir ata as 03,00 da madrugada.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 28.334 deles 4.914 son da área da Coruña, 2.289 da de Lugo, 3.052 da de Ourense, 4.111 da de Pontevedra, 7.960 da área de Vigo, 4.401 da de Santiago e 1.607 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 56 están en UCI, 249 en unidades de hospitalización e 28.029 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 197.844 persoas curadas, rexistrándose 2.753 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.261.145. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 5.760.431.
  • O programa 'Música en salas' congregou máis de 7000 persoas nos 135 concertos celebrados durante os últimos dous meses nos 19 espazos que se sumaron a esta iniciativa de dinamización do sector. Ao abeiro de Música en salas, 115 solistas e grupos galegos, que suman 395 músicos, presentáronse desde o pasado 4 de novembro diante do público de 12 vilas e cidades. Os propios locais, todos eles de capacidade reducida, foron os encargadas de elaborar as súas respectivas programacións, a través das que amosaron a calidade e a variedade da escena musical galega actual.
  • Galicia logrou en 2021 un total de 36 proxectos Erasmus+ Xuventude e de voluntariado no marco Corpo Europeo de Solidaridade (CES) nas diferentes convocatorias deste ano co fin de fomentar a formación e a mobilidade dos mozos e mozas en Europa. A directora xeral de Xuventude, participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá na reunión do Consello Interterritorial de Xuventude, así como no Consello rector da Axencia Nacional Española (ANE) de proxectos europeos, que se celebrou na sede do Instituto Nacional de la Juventud (INJUVE), en Madrid.
  • Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo.
  • O Comité Educativo analizou a situación sanitaria na comunidade escolar ás portas das vacacións de Nadal, con oito días lectivos por diante ata o remate das clases, e coa previsión de comezar a vacinar os nenos menores de 12 anos a partir da vindeira semana. Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña, interviñeron na reunión do órgano asesor da Xunta en materia educativa, onde se analizou a situación da poboación vinculada aos centros así como a organización do proceso de vacinación. Ambos fixeron un chamamento a seguir respectando as medidas de prevención durante os días que restan de clase e nas festas de Nadal.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que todas as familias galegas con nenos de 5 a 11 anos disporán a partir da vindeira semana dun test gratuíto nas farmacias, que se complementará cunha PCR de contraste no caso de que dea positivo. En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá traballando con rigor e incidindo na necesidade de seguir alerta e non relaxarse nas medidas de protección como: máscara en interiores, manter a distancia de seguridade, hixiene e ventilación ou tests e seguimento de contactos.
  • Un total de doce obras, seis na especialidade de moda e outras seis na especialidade de deseño de xoias, integran a exposición de obras finalistas no certame Xuventude Crea que dende este mércores pode visitarse na Igrexa da Universidade. No acto inaugural, déronse a coñecer as obras premiadas nas distintas modalidades. O primeiro premio en moda foi para Francisco Basteiro Salgado de Verín coa obra ‘Out of this world’. O segundo galardón da modalidade foi a parar a Marta del Río Moldes de Vigo por ‘Lost’, e o terceiro recibiuno Beatriz Chan Costa de Pontevedra por ‘Storm boy’. Nesta edición de 2021, presentáronse un total de 12 obras na especialidade de moda e 28 obras na especialidade de deseño de xoias.
  • A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.
  • O programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento musical das mozas e mozos finalistas da categoría de música. A ourensá Alicia Otero foi o primeiro clasificado coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de entregar os premios aos gañadores durante a final, que tivo lugar onte no Playa Club da Coruña. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 3000 euros; 1500 euros o segundo; e 1000 euros os terceiros clasificados. Nesta especialidade de Xuventude Crea presentáronse un total de 19 solicitudes nas que están involucrados 36 mozas e mozos entre grupos e solistas. Finalmente, foron tres grupos e tres solistas os que chegaron á última fase.