Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • A exposición 'Faraón. Rei de Exipto', froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación 'la Caixa' e o British Museum no marco do Xacobeo 21-22, despediuse da Cidade da Cultura tras congregar 76.367 visitantes desde o pasado mes de marzo. Convértese así na mostra máis concorrida da historia do Museo Centro Gaiás, tanto en números absolutos como en media diaria –621 visitantes mensuais–. A estes datos, cómpre sumar tamén máis de 5.000 estudantes que participaron no programa de visitas didácticas a través de videoconferencia, unha iniciativa que achegou a exposición ás aulas de 121 centros de ensino.
  • Galicia continúa avanzando na vacinación contra á covid 19. Neste sentido, as vacinacións masivas do martes e do venres desta semana vanse realizar no grupo de idade comprendido entre os 29 e os 16 anos, cun total de 56.320 persoas que serán convocadas para recibir a primeira dose. Esta convocatoria realizarase polo método habitual, enviando un SMS ao móbil, non haberá autocita. O mércores e o xoves será o turno para a inoculación de segundas dose.
  • O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego. Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.
  • A exposición 'Faraón. Rei de Exipto' pecha as súas portas este domingo 15 de agosto na Cidade da Cultura, onde continúa a congregar diariamente a centos de persoas visitantes para gozaren desta escolma de pezas procedentes das coleccións do British Museum, que poden verse no Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación ”la Caixa” e o propio museo británico, no marco do Xacobeo 21-22. A exposición, que achega por vez primeira a Galicia esta escolma de 140 pezas de arte exipcia con máis de 3.000 anos de historia, explora o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou esta antiga civilización.
  • O ‘Atlas Lingüístico Galego’ (ALGa) segue medrando, desta volta coa publicación do segundo volume dedicado ao ser humano que se integra, á súa vez, no sétimo da colección. A nova peza deste proxecto que realiza o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e que editan conxuntamente a USC e a Fundación Barrié, reúne a información correspondente ás preguntas relacionadas coa familia, relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios. A maioría dos mapas presentan as designacións rexistradas para un mesmo concepto: neno ata os 12 anos (neno, neniño, meniño, cativo, rapaz, etc.), pastor (besteiro, bestelleiro, cabaleiro, muleiro, etc.), curandeiro (manciñeiro, compostor, compoñedor, etc.), telleiro (telleiro, louseiro, canteiro, etc.).
  • As tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorporarán á súa oferta académica para o vindeiro curso un total de dez titulacións a razón de tres graos, cinco másteres e dous programas de doutoramento novos para o vindeiro curso 2021-22. A oferta destas novas titulacións faise efectiva no Diario Oficial de Galicia de hoxe, coa publicación da orde de implantación de ensinanzas universitarias en Galicia. Todas as titulacións recibiron o visto e prace do Consello Galego de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades.
  • Un total de 465 centros educativos, 42 deles de nova incorporación, formarán parte o vindeiro curso do modelo plurilingüe da Xunta de Galicia, unha acción enmarcada na Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. Este modelo plurilingüe -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e FP (PluriFP).
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios ten xa preparada a súa carteleira de espectáculos para o segundo semestre do curso, que desde o 15 de xullo levará 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros. Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos.
  • Os prezos das matrículas universitarias nas tres universidades públicas galegas vanse manter conxelados para o vindeiro curso 2021-22, polo que un estudante vai seguir desembolsando a mesma contía que 11 anos atrás por cursar os seus estudos de grao ou máster en Galicia, o que supón un aforro medio de preto de 19M € anuais para as familias galegas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso académico 2021-22. No caso das matrículas de grao o prezo medio manterase por décimo primeiro ano consecutivo en 11,89 €/crédito, o que supón un aforro de 4,44 euros con respecto aos 16,33 €/crédito de media de España.
  • O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle a partir deste xoves catro novas funcións de Terceiro acto, a última produción do Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, estreada o pasado 15 de abril e que estivo en cartel durante un mes con máis de 30 funcións. A peza dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e interpretada por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Tatán R. Cunha representarase do xoves 15 ao sábado 17 ás 21,00 h., e o domingo 18, ás 19.00 h. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase.