Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O festival Underfest presentou hoxe a programación completa da súa cuarta edición, que se desenvolverá do 7 ao 12 de outubro en sete espazos de Vigo e coa que se reafirma como referente musical na oferta cultural de outono. Na súa oferta destacan nomes ben coñecidos da escena estatal e internacional como Mala Rodríguez, Rigoberta Bandini, Maria Arnal i Marcel Bagés, Toundra, Lina e Raül Refree, Vera Fauna, Colectivo Da Silva, Mastodonte, The Mystery Lights ou Leifur James. Destacou tamén a representación galega, con Margarida Mariño, BFlecha, Grande Amore, Sila Lua e The Bo Derek (as artistas femininas supoñen máis do 50% deste cartel).
  • A Xunta de Galicia colabora coa empresa Boeing e a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia na posta en marcha no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) de San Cibrao das Viñas da primeira Aula Newton de España. Trátase dunha grande oportunidade para que estudantes de entre 14 e 16 anos se acheguen ás materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) dun xeito innovador, empregando equipos de alta calidade, colaborando, debatendo e divertíndose.
  • O libro 'Nós e o mundo, o mundo e Nós' é o resultado de diferentes iniciativas impulsadas dende a Universidade de Santiago para homenaxear a revista Nós no seu centenario. Unhas xornadas centradas no estudo das relacións de autores e temas da revista co seu contexto histórico, así como a convocatoria dirixida a estudantes deste centro para que escollesen artigos, poemas ou debuxos de diferentes autorías da revista, cos seus comentarios críticos, conforman a base desta obra da que o decano de Filoloxía Elias J. Torres Feijó, nun encontro co reitor Antonio López, destacou a importancia de 'xerar comunidade e intercambio entre docentes, persoal investigador e estudantes e divulgar coñecemento na universidade'.
  • Presentaronse no Consello Galego de Convivencia os resultados do informe de diagnose da terceira macroenquisa de convivencia realizada este ano entre preto de 218.600 membros da comunidade educativa. Un estudo que confirma o bo clima nas aulas galegas e que mellora os resultados de edicións anteriores: O 90% das familias, profesorado e persoal consideran que non existen problemas de convivencia no centro ou que estes ocorren de xeito puntual. Neste aspecto experiméntase unha mellora de 10 puntos con respecto á primeira macroenquisa de 2015 e, ademais, preto do 60% dos participantes consideran que a convivencia escolar mellorou con respecto a 2019.
  • Arranca en Santiago o terceiro encontro do festival de poesía Alguén que respira!. Esta cita forma parte das catro que se celebran ao longo do ano coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccios. O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, asistiu esta mañá á presentación deste encontro, que desta vez conta cun programa liderado por mulleres, que representa “a importancia de que a poesía na nosa lingua dea voz a creadoras de intensa actualidade, vinculando ademais a súa creación a lugares emblemáticos ás veces pouco coñecidos dunha capitalidade cultural como é Santiago de Compostela”. Canda Valentín García tamén estiveron presentes Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Antón Lopo, poeta e director do festival.
  • Este festival será lugar de encontro de artistas, músicos, poetas e escritores de ambas as dúas beiras do Atlántico que conflúen en Santiago para celebrar a súa diversidade e creatividade cultural. Máis de 30 propostas musicais e artísticas, oito delas aínda inéditas aquí e dúas que serán unha estrea mundial, procedentes dunha decena de países e comunidades autónomas que comparten vínculos con Galicia. Así, ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sáhara Occidental ou Paraguai que farán que Compostela fale catalán, inglés, mambara, guaraní ou chopi timbilia, entre outros.
  • A comunidade teatral afeccionada galega é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega. FEGATEA organiza os días 17, 18, 19, 24 e 25 de setembro e os días 1, 2 e 3 de outubro o XX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán.
  • O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.
  • A Xunta reforza o ensino galego cunha inxección económica adicional de case 140 millóns de euros e a contratación de 2.095 docentes para este curso 2021/22 co fin de facer fronte ás necesidades derivadas do contexto de pandemia e blindar a seguridade sanitaria así como a calidade do sistema educativo. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ante o Pleno do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia na que debullou, de xeito pormenorizado, as principais medidas do Goberno da Xunta para este curso “de transición” grazas á boa marcha da vacinación, pero que “con todo -matizou- non debemos baixar a garda”.
  • A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 18 e 25 de setembro dous concertos didácticos para público familiar no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Camiños de Músicas, o ciclo ofrecerá un percorrido polas influencias sonoras do Camiño co fin de embarcar o público nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. A primeira das citas terá lugar o sábado 18 de setembro e explorará da man de Kike Estévez as formas de improvisación oral que se fixeron presentes no Camiño ao longo dos séculos. O sábado 25 chegará a quenda para o Cuarteto Alicerce e o clown Alfredo Pérez, cunha proposta coa que se achegar desde a creatividade e o humor á música de Wolfgang Amadeus Mozart.