Novas
-
A Xunta de Galicia anima a todas as nenas e nenos da Comunidade a compartir as súas opinións, ideas e inquedanzas sobre aqueles asuntos do seu interese no futuro Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente e, 'deste xeito, participar na toma de decisións e o deseño de políticas públicas'. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, adiantou, así mesmo, durante o noveno Foro Infantil UNICEF – Parlamento de Galicia, que se celebrou esta mañá no Pazo do Hórreo, que o decreto que regulará a constitución e funcionamento deste organismo afronta xa a súa recta final.
-
A primeira edición de Sinsal Museo do Mar ofrecerá tres xornadas de música que xuntarán tradición e vangarda, comezando polas sonoridades do jazz, do folk ou do indie que transita Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables de Portugal. En canto aos concertos da vindeira semana, o recinto museístico contará con dous escenarios situados nas salas Curiosidades científicas e Lonxa. Na primeira delas, terán lugar na tarde do sábado 20 os acústicos do compositor e produtor británico, residente en Vigo, Adrian Timms e mais de Rebe, unha das revelacións da escena musical española.
-
A Cidade da Cultura de Galicia organiza o novo ciclo Matinais Musicais que arrinca esta fin de semana para achegar o jazz, a música a capella e a música barroca a todos os públicos. O programa inclúe nesta edición tres concertos programados para as mañás dos domingos de novembro e decembro, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e o grupo Gallaecia, Ensemble Barroco. O Quinteto de Metais da Orquestra Sinfónica abre as Matinais Musicais este domingo 14 de novembro ás 12,00 horas no Museo Centro Gaiás, cun repertorio no que a trompeta será a guía coa que descubrir o Jazz e a música dos Estados Unidos de América.
-
A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran un ano máis na organización de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que celebra a partir do 15 de novembro a súa 11ª edición e recupera o formato orixinal de encontros con recoñecidos profesionais do sector arredor da proxección das súas obras. O programa, para o que acaba de abrirse o prazo de matrícula, desenvolverase arredor de seis sesións que terán lugar ata mediados de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. As actividades para o curso lectivo 2021-2022 foron presentadas este mediodía na Casa das Campás da capital do Lérez.
-
Ponse en marcha o novo ciclo 'Música en salas', que ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa xurde da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes. Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados en Vigo no transcurso da presentación que tivo lugar en La Fábrica de Chocolate Club, e que contou cunha breve interpretación musical de Los EP.
-
A Xunta de Galicia e os reitores do Sistema Universitario Galego (SUG) presentaron as principais liñas do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, un documento consensuado entre as partes que mobilizará máis de 3.200M€ no vindeiro quinquenio. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Julio Abalde, explicaron que os fondos supoñen un 31% máis ca os inicialmente previstos para o plan no período 2016-2020 (2.447M€).
-
O Mes da ciencia en galego ofrece actividades na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo. Entre as propostas previstas cómpre destacar obradoiros infantís de robótica, de física e química a través da cociña, de achegamento as figuras das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal e de xoguetes, entre moitas outras. Para a cativada e público familiar haberá obradoiros, contacontos e espectáculos teatralizados. En todos os centros se disporán mostras bibliográficas con material de divulgación científica.
-
Unha decena de empresas integran a delegación galega en Womex, a Worldwide Music Expo que se está a desenvolver na cidade portuguesa do Porto, recuperando así a súa celebración presencial tras a edición en liña do ano pasado. A Xunta apoia a presenza da nosa música neste multitudinario encontro internacional coa organización dun encontro coas promotoras galegas acreditadas, así como a través da colaboración coas Tanxugueiras para o concerto que ofrecerán dentro do programa oficial. A primeira destas citas terá lugar o venres no Noble Hall do Centro de Congressos Alfândega do Porto, que aloxa o recinto feiral desta 27ª edición de Womex.
-
As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como a Biblioteca de Galicia, súmanse á conmemoración do Día das escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro. A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.
-
A música electrónica de Allova e o trad de Xisco Feijoó representarán a Galicia no cartel de BIME City, o programa de concertos co que o encontro profesional Bizcaia International Musical Experience se estende a diferentes salas de Bilbao os días 27 e 28 de outubro. Como en anos anteriores, o acordo establecido coa Xunta garante a presenza galega nesta iniciativa, que lle dá voz ao talento emerxente coincidindo coas primeiras xornadas da novena edición de BIME PRO, unha das grandes citas anuais da industria musical. Ambos os artistas foron seleccionados polo equipo do encontro bilbaíno a partir dunha convocatoria pública aberta a todos os intérpretes ou grupos interesados e que inclúe, así mesmo, o acceso a unha bolsa de viaxe e aloxamento coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 34
- 35
- 36
- 37
- 38
- 39
- 40
- 41
- 42
- …
- seguinte ›
- última »