Notas
-
A Cidade da Cultura promove o vindeiro mércores 20 de maio a segunda edición de #CulturaLike, un encontro para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet, que será emitido en liña e reunirá a tres grandes divulgadores da rede: os galegos Déborah García Bello –Deborah Ciencia– e Miguel Ángel Cajigal –El Barroquista– e o manchego José Luis Crespo –Quantum Fracture–. O evento enmárcase no programa de actividades #aculturasegue da Consellería de Cultura e Turismo. -
Desde o luns día 11 e ata o seguinte luns, 18 de maio reábrese o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21, para aquelas familias interesadas que non puideron presentala durante o período ordinario ao verse suspendido o prazo pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo. Para atender o proceso de admisión presencial o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos. -
Como está a afectar a situación de confinamento á forma de relacionarse e de xestionar posibles conflitos nas parellas separadas con fillos e fillas é a pregunta á que buscan dar resposta investigadores da Unidade de Psicoloxía Forense da USC. Este traballo, a través do cal xa se levan realizado 600 enquisas a proxenitores e profesionais, está a ser desenvolvido xunto a investigadores da UVigo, Universidade de Barcelona, Colegio Mexicano de Profesionistas de la Psicología, así como diferentes asociacións. -
O Programa Talento Mozo levará ás redes sociais as historias de éxito de mozas e mozos galegos relevantes en diferentes eidos como a cultura, a música ou o deporte. Este programa procura achegar á xuventude galega a traxectoria e a experiencia de xente nova da comunidade que serve de exemplo ás nenas e nenos de Galicia. Desta maneira, cada xoves manterase unha charla a través do Instagram de Xuventude (@XuventudeGalicia) cunha persoa moza galega que destaque no seu ámbito. -
Alumnado de terceiro curso do grao en Educación Infantil da USC está a crear recursos educativos e lúdicos en formato audiovisual destinados aos máis pequenos da casa. Baixo o cancelo #NósXogamosNaCasa, as pezas son subidas a YouTube onde xa contan con centos de subscritores e superaron as 13.000 visualizacións. Baile, fogar, mímica, pintura, desinhibición, equilibrio, comunicación non verbal, relaxación, respiración, dramatización e ritmo son algúns dos temas desenvolvidos polo alumnado. -
Os grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk da Facultade de Psicoloxía da USC botan a andar o proxecto ConVIDa-20, un estudo en liña sobre os efectos psicolóxicos e sociais que está a provocar a COVID-19 en estudantes de universidade. O obxectivo desta nova liña de traballo pasa por recrutar unha gran mostra de participantes para axudar a comprender os efectos do coronavirus e as medidas de distanciamento social na súa saúde e benestar. -
A busca de determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que podan predispor a sufrir unha infección a causa do virus SARS-CoV-2 máis grave, ou que mesmo podan causar a morte en persoas aparentemente sen factores de risco asociado, é o principal obxectivo da investigación dirixida polo catedrático da USC, responsable do grupo de Medicina Xenómica e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica do SERGAS, Anxo Carracedo. -
A Cidade da Cultura, dentro da campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web o curso Clic Xanela, unha actividade en liña con técnicas para mellorar a calidade das fotografías que se sacan desde o móbil. Pensado para un público adulto sen necesidade de coñecementos previos, Clic Xanela ten o obxecto de facilitar os recursos e habilidades para tirarlle un mellor partido as posibilidades que nos dan os dispositivos móbiles. -
Flexibilidade para adaptarse á situación especial do estudantado e garantía de que a totalidade do alumnado poda participar nas probas programadas en condicións axeitadas, son dúas das premisas sobre as que se asenta o modelo de avaliación aprobado polo Consello de Goberno da USC para o presente ano académico. Nesta liña, sempre que resulte posible, a avaliación realizarase a través de procedementos non presenciais baseados na avaliación continua que non esixan a realización de exames ou probas finais. -
As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ata o vindeiro ano 2021 coa blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores. Así o anunciou a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na súa comparecencia hoxe ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación de estado de alarma motivada pola pandemia do COVID-19.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 99
- 100
- 101
- 102
- 103
- 104
- 105
- 106
- 107
- …
- seguinte ›
- última »

