Ir o contido principal
iniciar sesión

Notas

  • ‘Matinais clásicas’ propón unha viaxe desde o clasicismo de Mozart á música contemporánea galega de Joam Trillo, pasando por Crussel, Schubert ou Soutullo. Os concertos serán de balde, previa retirada de convite a través de Ataquilla.com, e o número de asistentes limitarase a un máximo de 100 persoas por actuación. O ciclo pecharase o 11 de xullo pola Real Filharmonía de Galicia, que volve aos escenarios con este concerto, tralo parón obrigado pola covid-19.
  • A programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén conta co apoio económico do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, adáptase á nova normalidade xurdida logo da pandemia causada pola COVID-19 da man de ‘Na Bocanoite’, unha proposta que fusiona as visitas guiadas e musicadas das ‘Noites na Domus’ e as actuacións de música ao vivo previstas inicialmente no ciclo ‘Lubicán’.
  • Máis de 30 grupos de oito países e oito comunidades autónomas conforman a edición máis concorrida e tamén a máis internacional nos 20 anos de historia do concurso de novos talentos da música Celta. O interese por darse a coñecer no Festival de Ortigueira cara á celebración en 2021 creceu notablemente pese a non celebrarse o Festival este verán e as dificultades de reunión e gravación propias do confinamento, máis ao contrario; un total de 35 grupos enviaron a súa candidatura a ser un dos 3 finalistas.
  • Mantense aberto ata o venres 25 de xuño o prazo de inscrición na quinta edición do maratón audiovisual Findecurta, un certame impulsado desde a USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se desenvolverá do 26 ao 29 de xuño. O certame coordinado por Bruno Maez pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais en galego, tanto maiores como menores de idade, ao tempo que se busca ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo.
  • A Cidade da Cultura pon en marcha a 'Escoliña de Merlíns e Morganas', un campamento de maxia virtual dirixido á cativada de entre 8 a 12 anos e impartido por Pedro Volta, un dos ilusionistas galegos máis internacionais. A formación e inscrición será por quendas semanais, entre o 22 de xuño e o 18 de xullo, con tres días de aprendizaxe por internet que se completará cun encontro presencial os sábados no Gaiás para pór en común todo o aprendido.
  • O Campus de Verán XuvenCiencia 2020 será un campus en rede, que non virtual, xa que os proxectos propostos resultan “moi tanxibles” e requirirán traballo de campo, segundo afirman os promotores da oitava edición dun campamento científico que sortea as limitacións derivadas da pandemia cunha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de Galicia e España, que se desenvolverá do 29 de xuño ao 3 de xullo.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera o venres a actividade escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto profesional de distribución de espectáculos que impulsa e cofinancia en escenarios de 40 concellos galegos. A representación ás 18,00 h. no Centro Cultural e Xuvenil de Muros de Carabela, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, será a primeira en atoparse de novo co público, á que seguirán este mesmo mes outras cinco funcións reprogramadas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a patir do día 19.
  • A Cidade da Cultura pecha este sábado coa premiada escritora Ledicia Costas o Club das Lerchiñas, ciclo de contacontos en liña –da campaña de lecer e formación #aculturasegue– dirixido ás familias e que ata agora emitiu catro sesións nas redes sociais do Gaiás (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) coas historias relatadas por María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira. O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio.
  • Reábrense os prazos para solicitar as bolsas do Programa DigiTalent, que ofrece 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en empresas do sector tecnolóxico. Os interesados poderán remitir as súas candidaturas ata o próximo día 23 de xuño (incluído). Estas bolsas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos.
  • A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha xuntanza cos reitores das universidades galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) na que acordaron establecer un marco de colaboración para traballar no impulso das competencias dixitais no Sistema Universitario Galego (SUG).