Notas
-
De luns a mércores, distintos profesionais da empresa e investigadores da Universidade da Coruña afondarán nas necesidades e retos do sector da enerxía eólica mariña, da loxística, do naval, do metal-mecánico, do deseño e dos materiais. O sector da enerxía eólica mariña e da loxística centrarán o estudo e debate da primeira das xornadas da Semana Campus Industrial de Ferrol. -
A primeira asemblea xeral e o segundo encontro do comité de dirección do proxecto europeo NeoGiANT, coordinado pola USC, reuniu ao longo desta semana en León a medio cento de participantes. Os e as asistentes puideron debater os avances acadados no marco deste consorcio internacional que pretende desenvolver un conxunto de novos produtos para animais baseados en extractos naturais cos que diminuír o uso de antibióticos na cría e substituír os conservantes sintéticos. -
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu unha xornada centrada no impacto que teñen os residuos e os incendios nos diferentes tipos de solos. Nela participaron dúas persoas referentes nestes eidos no contexto estatal, como son Raimundo Jiménez, do Departamento de Xeoloxía e Xeoquímica da Universidad Autónoma de Madrid, e Montserrat Díaz, do CSIC.
-
O proxecto ABILITI investiga de que xeito os sistemas de telepresenza poden previr o illamento no sistema educativo dos nenos e nenas con enfermidades graves e/ou crónicas. Este consorcio internacional do que forma parte a USC testa un robot físico que permite ao alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración participar en clase e mesmo en actividades extraescolares a través dunha app na súa tablet. -
Analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, as transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio é o principal obxectivo do proxecto de investigación Estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes da UVigo desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.
-
Ana Isabel Rodríguez Vázquez foi elixida decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC co 100% do voto emitido nas eleccións que se desenvolveron o pasado 12 de maio. Entre os desafíos do centro para os próximos anos, Rodríguez destaca o 'reforzo da internacionalización', mediante a ampliación da oferta docente transnacional e o incremento da visibilización dos resultados de investigación. -
Dixitalización, transparencia e colaboración público-privada, chaves para a administración do futuro
O Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde UVigo, presentou un novo documento de análise no que aborda 'A reforma que a administración necesita: propostas para o s. XXI'. Nel sinálase que a dixitalización, transparencia e colaboración público-privada son chaves para a administración do futuro e recoméndase profesionalización, burocracia máis eficaz e avaliación constante das políticas públicas. -
Un equipo investigador da USC acaba de publicar un estudo que abre unha nova vía inmuno-terapéutica na loita contra o cancro. O traballo internacional, liderado polo investigador principal do CiQUS Eddy Sotelo e Andreas Lundqvist do Karolinska Institutet de Suecia, conta ademais coa participación de persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Facultade de Farmacia compostelá, e da Universidade sueca de Uppsala. -
Do 13 a 16 de xuño terá lugar unha nova edición, a sexta, do Simposio Internacional de Ensino das Ciencias. Este evento en liña celébrase cada dous anos como un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas no ensino das ciencias en calquera ámbito educativo. -
Do 23 ao 25 de maio, astrónomos e astrónomas de máis de 20 países do mundo danse cita na USC para debater os progresos alcanzados no marco do proxecto MW-Gaia COST. O obxectivo principal desta iniciativa é 'proporcionar unha mellor comprensión da nosa galaxia, as súas estrelas e planetas, e mellorar o potencial da comunidade na súa explotación científica', sinala a profesora da USC Josefina F. Ling.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 54
- 55
- 56
- 57
- 58
- 59
- 60
- 61
- 62
- …
- seguinte ›
- última »

