Notas
-
A Axencia Galega de Emerxencias leva a un cento de centros escolares o seu programa de divulgación sobre o uso responsable do número único europeo 112. Para esta acción, a AXEGA volverá contar coa colaboración dos personaxes do Bolechas co fin de achegar ao público infantil a información necesaria para realizar unha chamada ao 112 de forma correcta e eficaz. Así, a partir de hoxe e durante o mes de outubro, máis dun cento de centros educativos recibirán a visita dos Bolechas. -
A Universidade da Coruña organiza do 2 ao 9 de outubro a segunda edición da xornada “Mulleres detrás dos videoxogos” impulsada pola Facultade de Ciencias da Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) e o Campus Innova, e financiada polo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades. -
Os obradoiros correspondentes á quinta edición do programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ botaron a andar este martes no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela a través do taller ‘Informática visual aplicada á bioloxía’. A actividade foi impartida por Eva Cernadas, profesora da USC na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). -
Empregar a performance como canle para expresar unha reflexión sobre a sexualidade, as identidades non normativas e os estereotipos que persisten en relación coa orientación sexual. Esta foi a proposta que o profesor Carlos Tejo trasladou ao alumnado da materia do grao en Belas Artes Proxectos de arte de acción e da que xurdiron unha serie de propostas que agora se ven plasmadas no catálogo 'Axitando a heteronormatividade'. -
Só o 4% dos emprendedores abandonaron os seus plans para 2020 mentres que o 45% está reorientando o seu modelo de negocio. Son conclusións do Informe GEM-Galicia 2019-2020, elaborado polos investigadores da USC Loreto Fernández Fernández, Isabel Neira Gómez, Sara Fernández López, Emilio Ruzo Sanmartín, David Rodeiro Pazos, Marta Portela Maseda e Jacobo Feás Vázquez. Segundo os datos recadados, a COVID-19 afectará no 2020 a todas as fases do proceso emprendedor, aínda que de modo distinto. -
O grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC afondará no desenvolvemento de tratamentos innovadores de cara á eliminación de antibióticos en augas residuais, así como na caracterización das comunidades bacterianas degradadoras de microplásticos, e no deseño por computador de bioprocesos innovadores para a produción sostible de produtos químicos. O Ministerio de Ciencia e Innovación aprobou a concesión de catro proxectos presentados por este grupo da USC. -
O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2020 céntrase no descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá. -
Co lema de “Novas enerxías!” a programación de obradoiros da Universidade de Vigo no campus de Ourense xa está en marcha. Nesta ocasión son 14 as propostas que teñen á súa disposición as persoas, membros da comunidade universitaria ou cidadanía en xeral, interesadas en complementar a súa formación en eidos que van desde o teatro á identificación de cogomelos. Entre as novidades están actividades de escritura creativa, maxia, relación corpo-mente e atención ás necesidades de menores en casos de separación. -
Por terceiro curso académico consecutivo, o campus de Ourense, ao igual que os demais campus da UVigo, súmase á iniciativa Docs del Mes, ciclo de cinema documental que ten como obxectivo achegar o cine documental ao maior número de espectadores e abrilo a novos públicos proxectando documentais internacionais, de calidade e de temática e procedencia diversa. A programación ata finais de ano en Ourense constará nesta ocasión de catro proxeccións. -
O catedrático de Historia da Educación, Antón Costa Rico, recolleu este mércores de mans do reitor Antonio López, o III Premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu esforzo a prol da normalización do uso do galego na Universidade. No seu discurso, o premiado aproveitou para poñer o foco na necesidade de adquirir unha maior “confianza social” no uso do idioma propio de Galicia.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 93
- 94
- 95
- 96
- 97
- 98
- 99
- 100
- 101
- …
- seguinte ›
- última »

